Espaço público, Cultura, Política, Comunidade, Território, Pessoas

Quen quere pasar a vida xunguido ao terrón?

En moitas ocasións hai mensaxes e ideas que lanzamos co convencemento de que poden ser positivas para as demais persoas e para o conxunto da sociedade, pero, se cadra, non o son tanto. Cabería pararse a reflexionar de vez en cando sobre as ideas que transmitimos. Eu quero referirme hoxe á idea moi asentada en nós de que vivir da actividade agraria no rural é moi duro e que a xente que está nesta situación vive mal.

A intención desta idea, que en maior ou menor medida responde á realidade, é tratar de conseguir que exista maior atención e menor discriminación para a xente labrega. Pero eu teño a dúbida de se non estaremos tirando pedras contra o noso propio tellado se a transmitimos sen máis, sen contrapuntos nin matices. Porque a despoboación do rural é un dos problemas graves que ten Galiza. Posibelmente tiña boa intención a canción que Fuxan os Ventos dedican aos labregos e que di : “meu pai é labrego, labreguiño eu son; pasarei a vida xunguido ao terrón”. Pero… non está algo desfasada? E, en todo caso, canta xente nova vai querer ser labrega con estas expectativas?

O mesmo podemos dicir de cando se fala de “fixar” poboación no medio rural. Entendo o que se quere dicir cando se utiliza este termo e concordo coa idea, mais, desde o meu punto de vista, está mal expresada e debe ser matizada. Cando falamos de fixar poboación no medio rural, da a impresión de que a ocupación do mesmo ten que conseguirse a base de impedir que saian as persoas que viven nel. E con isto, non quero dicir que ninguén estea pensando en prohibirlles marchar, senón que o que se pretende é conseguir que se queden mediante actuacións político-económicas.

Mais, por que a ocupación do medio rural ten que darse exclusivamente coas persoas que agora viven nel? Entendo que existan sagas profesionais mais tamén é necesario a mobilidade social. É bo que haxa medicas/os fillas de medicas/os, carpinteiras/os fillas/os de carpinteiros e, por suposto, labregas/os fillas/os de labregas/os. Pero non concordo coa idea de que sexan as únicas que poidan existir no futuro, como tampouco concordo con que a filla dunha labrega non poida chegar a ser profesora universitaria, ou que un fillo dun labrego non poida ser un bo fontaneiro ou a filla dunha avogada unha excelente agricultora. A ocupación do medio rural non debería estar baseada na poboación que se consiga “fixar”, senón na que se consiga que opte por vivir nel froito dunha elección realmente libre e consciente.

Non vou poñer en dúbida que a vida da xente que se dedica á actividade agraria no rural é dura. Pero deixo unha pregunta no aire: máis dura que outros empregos como, por exemplo, caixeira dun supermercado, camareira, albanel ou enfermeiro/a? Hoxe en día, a gandería industrial, ten un desenvolvemento tecnolóxico que pode facer mais levadeiro o traballo dunhas propietarias e propietarios que se consideran a si mesmos “empresarios”. E a agricultura familiar ofrece un modo de vida que pode ser desexado por determinados sectores de xente nova.

Tratase pois de denunciar a situación das labregas e labregos, pero sen que isto supoña a construción dun discurso ( como se di agora ) que contribúa a que a xente abandone a actividade agraria no rural. E para iso fai falla, que xunto a denuncia, se transmita esperanza e se colabore a incrementar a autoestima das persoas que viven no rural. O difícil é como conseguilo, pero … malo será.

Créditos imagem: Gabi1

Sobre o autor

Xoán Carlos Carreira Pérez

Doutor engenheiro agrónomo, professor de Engenharia Agroflorestal na Universidade de Santiago de Compostela. Autor de vários livros e artigos científicos, tem colaborado em diversos meios de comunicação, como A Nosa Terra, El Progreso, Vieiros e Praza Pública.

2 comentários

Leave a Reply to Lolo Cancel reply

  • Concordo contigo, incluso diría mais podese ser labrego ou labrega no medio rural e vivir na cabeceira da comarca, como é o meu caso. Pero o problema de ser ou non ser labrega ou labrego está no que se cobra polo traballo que fai cada un, no noso entorno existe unha cooperativa vinicola que debe aos socios 4 anos, quen aguanta esa situación. Existe moita xente no sector do viño que tarda 1 ano ou mais en cobrar as uvas …, unha explotación de cabras e outra de obellas proximas a miña pecharon recentemente e tiñan dificultades para vender a prezos razonables. O sector do viño en Valdeorras medra e cada vez somos menos viticultores e as pequenas adegas costalle mais vender. As que medran son empresas foráneas grandes. O problema non é producir nin é ter productos de máxima calidade o problema e vender a prezos razonables e cobrar.
    O problema non é que o traballo sexa duro, é duro pero resulta moi satisfactorio cando te permite estabilidade económica.
    Precisamos politicas que garanticen prezos xustos nos produtos agrarios e estabilidade, politicas que no lugar de axudar as grandes distribuidoras e as grandes productoras, axuden as pequenas. A autoestima das profesións ten moito que ver co nivel de vida que reporten. E a recuperación do rural pasa necesariamente por que exista actividade labrega rendible e con futuro, seguro que logo haberá outras persoas de diferentes profesións que decidirán vivir na aldea ainda que traballen na capitalidade da comarca.

    • Graciñas polo teu comentario. Non teño por norma contestar aos comentarios pero neste caso vou facer unha excepción. Eu tamén concordo contigo. Ao ler as túas achegas deime conta de dous erros que hai no artigo entre outras deficiencias. O primeiro é que vai dirixido ás persoas que non viven da actividade agraria no rural pero isto non se aclara e pode interpretarse que tamén vai dirixido ás persoas que si viven desta actividade. A segunda deficiencia do artigo é que non fago referencia ao que ti fas: o problema económico, os prezos, a hexemonía das grandes empresas foráneas, …A verdade é que cometín o erro de dalo por suposto e tamén de dar por suposto que quen le este blog xa o ten claro tamén. Pero tratarei de corrixilo, se cadra, nun próximo artigo.
      Eu considero que o rural debe ser un tema de país, no que dun xeito ou doutro debemos estar implicadas todas as galegas e galegos. É nese sentido no que falo de autoestima pero a redacción non deixa moi claro que me refiro ao conxunto do país. Tes ti razón que a autoestima ten moito que ver co nivel de vida. Ademais teño a sensación, e disto sabes mais ti, de que hoxe en día, de existir un problema de autoestima nas persoas que viven da actividade agraria no rural, este non é excesivamente grave.
      No artigo falo de esperanza e expectativas de mellorar. O que vou dicir a continuación non é exactamente o que se di no artigo, sen embargo vou aproveitar para expoñer unha nova idea. A situación do rural vaise cambiar coa reivindicación e a loita, en maior ou menor medida, ate conseguir que, como dis, cambien as políticas. Hai tempo que veño pensando que sen esperanza e expectativas de melloras, a xente non se mobiliza. E reafirmeime ao ler o libro de Concha Fernández e X. Manuel Sabucedo :”Do descontento á acción: A construción social da protesta campesiña en Galiza” de Edicións Xerais.
      Como dixen non teño por norma contestar aos comentarios pero vou abusar da túa paciencia para responder a traveso de ti a outras persoas que me fixeron chegar comentarios de palabra ou por wassap. Eu non pretendo negar as deficiencias e os problemas con que se encontran as persoas que viven da actividade agraria no rural ( a xente que me coñece non dubidará disto). Nin tampouco pretendo facer unha análise global da súa situación. Iso xa tentei facelo co libro “o pequeno é grande” e tento facelo na paxina web, “Galiza Rural” ( http://www.galizarural.gal ) con mais ou menos éxito. O que pretendín foi facer unha análise parcial e moi concreta de determinadas actitudes precisamente de persoas que non viven da actividade agraria no rural. Unhas actitudes que podo resumir en dúas: a actitude paternalista-cristiana ( “labreguiño eu son”) e as actitudes de persoas que buscan unha xustificación por ter deixado o rural , xustificación que por outra banda non é necesaria, porque cadaquén é libre de facer coa súa vida o que estime conveniente.
      En todo caso a solución para que exista actividade labrega rendíbel e con futuro ( como di Lolo) non pasa tanto por subvencións e “axudas” senón polo recoñecemento de que a actividade agraria ten unha función social. Polo recoñecemento de que é un servizo público indispensable porque cubre a necesidade mais elemental das persoas ( unha alimentación san) e ademais presta importantísimos servizos ambientais á sociedade. E iso implica darlle o valor que ten. E sobre todo precisa que a administración garanta, polos mecanismos que se consideren oportunos, que esta función está dignamente remunerada. Iso terá que facelo cos nosos impostos e a sociedade debe estar conforme con elo, para o cal unha valoración positiva da actividade agraria por parte desta é fundamental

Espaço público, Cultura, Política, Comunidade, Território, Pessoas

Elias J. Torres Feijó

Tenta trabalhar coletivamente e acha que o associativismo é a base fundamental do bom funcionamento social e comunitário. A educação nos Tempos Livres é um desses espaços que considera vitais. Profissionalmente, é professor de Literatura, em origem, e, mais, na atualidade, de Cultura.

Xoán Carlos Carreira Pérez

Doutor engenheiro agrónomo, professor de Engenharia Agroflorestal na Universidade de Santiago de Compostela. Autor de vários livros e artigos científicos, tem colaborado em diversos meios de comunicação, como A Nosa Terra, El Progreso, Vieiros e Praza Pública.

Xosé Manuel Sarille

Polemista e tamén escritor. Autor do ensaio "A Causa das Mulleres". A quen lle interese lelo pode solicitalo neste blog e enviaráselle ao enderezo correspondente sen custo ningún do exemplar nin do transporte.

Manuel Jordán Rodríguez

Lembrado e Querido Manuel Ánxel

Viva Cerzeda

Espaço público, Cultura, Política, Comunidade, Território, Pessoas… Viva Cerzeda é a comemoração, para nós, da amizade, do bom humor sempre que possível e de tentar contribuir com algumhas ideias e opiniões para entender(mos) e atuar(mos) do melhor modo o mundo… É ambicioso mas é-che o que há… e para mais não damos…

Contacta-nos aqui

Acompanha