A viaxe con máis frecuencias partía da casa. Baixábamos o Rato deixando Lugo ás costas e encarábamos Castelo. O asfalto remataba nunha estrada de terra, con fochancas tan fondas e vellas que as sabíamos de memoria. Despois dunha hora afrontábamos con decisión e prudencia unha costa que permanecía xeada durante semanas. Estaba antes de entrar en Castroverde, onde se descansaba do traxecto, na casa da tía. Despois viñan as curvas da Fortaleza e iniciábase unha corredoira de dous quilómetros, até que nos metíamos polas ruelas de Bolaño, con coidado para non atascar na lama e poder embalar con enerxía pola seguinte pendente, na que sempre esvaraba o auto. Se cumpría, deixábamos caer de novo o coche deica a lameira, para retomar a manobra. Meu pai era un hábil condutor. Xa en Montecubeiro faltaba o final. No pico dun alto angular e agudo, cruzábase un rego. Os días nos que petaba o fondo do Fiat, completábamos a andar os cen metros que ficaban para a casa. E remataban os vinte e cinco quilómetros.
Fotografía: Castroverde, 1945, polo Army Map Service de EEUU.