Está por ver se un tal discurso devén hexemónico ou canta importancia acada e, por tanto, con que forzas contan os contrincantes e en que termos concretos se han producir as contendas. Incerteza sobre canto do vello vai morrer, e como, e até onde chegará o novo que está por nacer.
Mais tamén preocupación diante dos riscos evidentes:
Riscos políticos. Unha vez trazadas as liñas vermellas que separan a quen comungan cos slogans da nova fe daqueles outros que non o fan, xurde a radical descualificación do contrario. Proclamada incesantemente, alto e claro, por quen se presentan como apóstolos da salvación. Cínicos oportunistas que apelan ao enfado dos xustos, histrións ou honestos crentes , todos a coro incitando unha deriva perigosamente antidemocrática.
Porque tal intolerancia xera fendas insalvábeis que imposibilitan saídas políticas equilibradas e abre o camiño a solucións que dificultan a convivencia na diversidade e/ou a reformas político/legais que cada vez desvirtúan máis a propia substancia democrática. A liberdade, as liberdades, ameazadas.
Riscos sociais. A estrutura social sometida a tensións que a cuartean máis do que xa estaba de por si: emerxencia de dinámicas corporativas e estamentais, insolidariedade e egoísmo. Reaccións instintivas e de negación dos diferentes que se ven como principais culpábeis dos propios problemas, e aos que compre dar de lado na “nova” orde.
Exclusión e segregación substituíndo a cohesión e a universalidade inclusiva e integradora. Cargas de profundidade, por se xa foran poucas, por baixo da liña de flotación do estado do benestar.
Velaí a simpleza, a paixón e o espectáculo, convertendo en obxectivos principais a solución de problemas previamente magnificados. Entrementres adíanse os serios: pouco ou nada que dicir sobre como actuar para enfrontar, regular, modular, marcar canles, defenderse dun modelo liberal no económico que, afouto, avanza así desprendéndose de lastres. Velaí como o golpe na mesa dos molestos, cabreados ou coléricos, fica en golpe… no lado equivocado da mesa.
Certamente parte desas tomas de posición fáciles, emotivas e irreflexivas, son ao tempo volátiles. Poden mudar, o que diminuiría os riscos. Mais tamén poden ser usadas con eficaz rapidez para lexitimar decisión irrevogábeis que mudan sen retorno a orde social ou que complican excesivamente as solucións. O arrepentimento, neses casos, chegaría tarde.
Por iso. Por se acaso. Fulgurante exhortación do Beiras evocando a Castelao: parar a Atila.
