Acusar de rebelión cando non hai violencia perverte os principios democráticos. Ocorre en Cataluña, pero no pasado europeo poden atoparse curiosas semellanzas. Alexander Solschenizyn, un premio Nobel de ideoloxía paleolítica, conta que os bolxeviques ao comezo facían xuízos revolucionarios, até que en 1926 pasan a aplicar o artigo 58 do novo código penal. O punto 2, relata o escritor, refírese á rebelión, en particular ao hipotético arrebato violento dunha das repúblicas para abandonar a Unión Soviética. Pero a tal lei non aclara o que se entende por violencia e así, se toda a poboación dunha república quixer separarse e Moscova non o quixer, a separación xa sería violenta.
O artigo 58 integraba un capítulo de delitos contra o Estado. Non había delincuentes políticos, todos eran comúns: os nacionalistas estones, letóns, lituanos, ucraínos, turcomanos, moldavos, xudeus (chamados cosmopolitas), carelios, tártaros, chechenos, ingushos. Cousas de Stalin, o pai dos pobos e teórico das nacionalidades.
Arquipélago Gulag. Alexander Solschenizyn.