Espaço público, Cultura, Política, Comunidade, Território, Pessoas

O 8 de marzo e os «grelos da carretera»

Non, os grelos non se cultivan no asfalto. Pero nun momento dado a xente do rural comezou a poñer nas beiras da estrada N-550 ( a chamada antiga nacional que comunica A Coruña con Santiago de Compostela) grelos producidos nas súas propias terras co fin de venderllos ás persoas que circulaban en coche pola mesma. A iniciativa, fundamentalmente cousa das mulleres, foise consolidando e agora ata hai persoas que utilizan esta estrada para dirixirse expresamente a mercar os que se coñecen como «grelos da carretera» .

No 8 de marzo hai que apoiar, por suposto, a loita feminista mundial. Pero, se cadra, tamén nos podemos deter nas reflexións de Vandana Shiva. Esta muller cualificada de ecofeminista di: «Hoxe a revolución empeza na cociña» e tamén «os 100.000 anos de experiencia humana en alimentarnos é unha experiencia das mulleres». E isto pódese confirmar efectivamente observando o que ocorre aquí en Galiza.

Unha parte (nada depreciábel) das necesidades de alimentación da cidadanía galega son cubertas a través da produción das chamadas hortas familiares e da que está catalogada como de autoconsumo. No caso de certos produtos como as patacas, feixóns verdes, tomates, cebolas, leitugas, pementos, mazáns ou ameixas… as hortas familiares estarían cubrindo como pouco a metade do noso consumo interior e esta porcentaxe incluso estaría sendo moi superior se falamos dalgún deles en concreto.

Esta produción maioritariamente é froito do traballo das mulleres. Talvez esta é a razón de que permaneza invisíbel para unha gran parte da economía, da política, da ciencia, da técnica, dos medios de comunicación e da sociedade en xeral, a pesar da súa importancia crucial no subministro de alimentos.

Ademais é unha produción de moito valor desde o punto de vista agroecolóxico e/ou ambiental. En primeiro lugar, porque en gran medida leva implícito o feito de que se consuman produtos de tempada, un hábito moi saudábel debido a que os alimentos son consumidos no momento óptimo para aproveitar os seus principios nutritivos. En segundo lugar, porque unha boa parte da produción apenas se desperdicia, pois aquela que non é axeitada para o consumo humano ou mesmo aquela que sobra utilízase para alimentar a pequenos animais que posteriormente serven para nutrir de carne, ovos e demais á dieta da familia. Este sistema é moi eficiente á hora de alimentar á xente porque toda a produción se aproveita con ese obxectivo ben sexa mediante o consumo humano directo de alimentos vexetais, ben sexa de maneira indirecta a través do consumo de produtos de orixe animal, de animais previamente alimentados cunha parte deses mesmos produtos vexetais. En terceiro lugar porque contribúe enormemente a paliar dous graves problemas ambientais que hoxe teñen moi preocupados a distintos gobernos e organismos internacionais. Un deles é o transporte de alimentos desde os lugares de produción ata os de consumo, dous puntos que moitas veces están separados por grandes distancias. Este transporte, que está causando un impacto ambiental de moita envergadura en todo o mundo, diminúe drasticamente co sistema de produción que seguen as mulleres galegas porque a distancia desde o lugar de produción ata o de consumo é mínima, en moitos casos case podemos dicir que inexistente. O outro problema ambiental é o descomunal desperdicio de alimentos que existe a nivel mundial (na UE calcúlase que pode alcanzar entre 30% e 50% dos alimentos comestíbeis ). Pois ben este desperdicio redúcese de maneira substancial co sistema de produción que expliquei máis enriba.

Por outra banda este tipo de produción é economicamente máis rendíbel que aquela que ten un destino prioritariamente comercial porque a marxe que se levan as empresas comercializadoras e/ou as persoas que actúan de intermediarias pode engrosar a remuneración de quen produce.

Neste contexto, os «grelos da carretera» é un proxecto das mulleres do cal eu destacaría as seguintes características:

  • É valente pois penso que os homes, agás excepcións, no se atreverían a saír á estrada para vender produtos obtidos por eles mesmos no caso de que estes foran considerados produtos correntes ou non puideran ser vistos como «especiais».
  • Ten éxito económico e comercial sen necesidade de contratar a grandes consultoras que fagan estudos de mercado e deseñen unha estratexia de marketing para vender mellor.
  • Eu diría que é innovador, aínda que haberá xente que non comparta isto porque asocie a innovación á tecnoloxía e á chamada investigación. Pero, ás veces, cousas que temos diante dos ollos son moi innovadoras se as vemos desde outras perspectivas.
  • Ten unha grande importancia para a casa. Porque as mulleres, boas administradoras da economía, daranlle o uso máis adecuado aos cartos procedentes dos «grelos da carretera». Por exemplo para contribuír na introdución dalgún avance tecnolóxico na actividade agrogandeira na que centran principalmente a súa ocupación os homes ( no caso de que se dediquen a iso). E por suposto para a educación dos seus fillos ou fillas. Estou case seguro de que máis dun mozo e máis dunha moza estudaron unha carreira universitaria grazas aos «grelos da carretera». Porque, en ocasións, os ingresos que achega a venda destes grelos, sexan maiores ou menores, conseguen, unidos claro está aos ingresos habituais, que a mellora das dispoñibilidades económicas do fogar dea un salto cualitativo.

E as mulleres fan todo isto ademais de atender á casa, de cuidar das crianzas e das persoas maiores. Ou despois de traballar nalgún emprego fóra do seu domicilio.

No 8 de marzo ademais de non perder a referencia dunha loita que abranga a problemática global de todas as mulleres do mundo coas reivindicacións que escollan para cada ano, tamén nos podemos fixar nalgunhas situacións concretas. Por iso falei dos «grelos da carretera» coma un exemplo do papel das mulleres galegas. Para facer un recoñecemento a quen, ao calado, se ocupan da humanidade, da que vive en todo o planeta pero tamén da que vive neste recuncho do mesmo. Para facer un recoñecemento a quen preservan este planeta para o futuro. Pero sobre todo falei dos «grelos da carretera» coa intención de facer un chamamento para que se atendan as demandas das mulleres. As demandas de quen asumen en solitario unha responsabilidade que debería ser compartida: a responsabilidade da casa. De quen coidan. De quen nos alimentan.

Sobre o autor

Xoán Carlos Carreira Pérez

Doutor engenheiro agrónomo, professor de Engenharia Agroflorestal na Universidade de Santiago de Compostela. Autor de vários livros e artigos científicos, tem colaborado em diversos meios de comunicação, como A Nosa Terra, El Progreso, Vieiros e Praza Pública.

5 comentários

Leave a Reply to Xoan Carlos Carreira Pérez Cancel reply

  • Ben interesante, Calín, a túa análise. Unha limitante pode ser o uso crecente, e penso que irreversível, das autopistas e autovías. Os urbanitas temos reduzido o acceso o que é unha barreira o desenvolvemento da economía do grelo de estrada. Forte aperta.

    • Eu non pretendía dicir que os grelos dan moita cantidade de cartos. Senón que os cartos que achega a venda dos “grelos da carretera”, sexan moitos ou sexan poucos, poden ter moita importancia cualitativa se son utilizados en cousas que inflúan na calidade de vida da familia ou na ascenso social da mesma. Que é onde os utilizan habitualmente as mulleres. A ver se poñendo dous exemplos son capaz de explicalo mellor.
      Supoñamos que nunha casa hai unha filla quere ir á universidade. Feitas as contas resulta que un ano na universidade custaríalle á familia 6.000 euros ( é un dicir porque non sei exactamente o que custa). Unha vez que sacan cartos de todos os lados reducindo os gastos ao máximo posíbel, a familia só dispón de 4.000 euros anuais para que a filla estude. Polo tanto ou ben esta busca un complemento con algún traballo remunerado, que nestes momentos é moi complicado de conseguir e que ademais afectaría ao seu rendemento académico, ou simplemente non poderá estudar na universidade. Pero se aos 4.000 euros dispoñíbeis lle sumamos os ingresos anuais da venda dos grelos que son 2.500 euros, a familia xa dispoñería da cantidade necesaria para cubrir os gastos anuais da filla na universidade. E iso que, visto illadamente, os 2.500 euros anuais dos grelos é unha cantidade bastante pequena. Isto é o que eu chamo no artigo un salto cualitativo na economía da familia, porque con esa cantidade conseguen que a filla de non poder estudar na universidade pase a poder cursar unha carreira universitaria.
      Outro exemplo. Supoñamos que na casa non teñen estufa de leña. Quentan con radiadores eléctricos e/ou unha caldeira de gasoil que poñen poucas veces para non gastar moito. Xa levan tempo pensando en mercar unha estufa de leña que lles permita aproveitar precisamente a leña que teñen nas leiras e polo tanto reducir os gastos en combustíbel e/ou enerxía. Non obstante cos ingresos habituais non dan aforrado para ela. Pero os 2.500 euros achegados pola venda de grelos un ano e os 2.500 euros doutro ano, sumados, ao mellor son suficientes para mercar unha estufa de leña. E senón cos dun ano máis probabelmente xa chegaría. É dicir que en dous ou tres anos poderían dispoñer desa estufa de leña que querían. Iso, como dixen, permítelles aforrar máis e ter máis dispoñibilidade económica para outros gastos necesarios. E sobre todo conseguen ter unha casa máis confortábel. Todo isto dálles unha maior calidade de vida. Insisto tendo en conta que visto illadamente 2.500 euros é unha cantidade pequena.
      Por iso digo no artigo: “en ocasións, os ingresos que achega a venda destes grelos, sexan maiores ou menores, conseguen, unidos claro está aos ingresos habituais, que a mellora das dispoñibilidades económicas do fogar dea un salto cualitativo”. Non sei se está ben expresado pero o que quería dicir é o que expliquei máis enriba.
      O mesmo se pode aplicar á produción para autoconsumo. Neste caso non produce ingresos monetarios pero aforra unha cantidade considerábel de cartos nos gastos de alimentación que non sei cuantificar porque non coñezo que existan datos sobre este tema. Na miña opinión, a situación económica dunha persoa ou dunha unidade familiar non se debe medir polo volume de ingresos senón pola diferencia entre ingresos e gastos. E iso condúcenos a outra cuestión que é o tipo de gastos que facemos, o consumismo. Pero non é cousa de seguir divagando.
      En todo caso, ao meu entender, a situación económica dunha casa de labranza non se pode analizar desde a perspectiva que temos as persoas (ou as familias) que dispoñemos dunha única fonte de ingresos. É o caso, por exemplo, dos que cobramos un salario ou unha pensión, pero tamén de quen vende todo o que produce a unha soa empresa láctea. A situación económica nunha casa de labranza ven dada pola diversificación, pola suma de varios (ou moitos) ingresos que proveñen de distintas fontes. E aínda que cada un destes sexa cativo considerado por separado, a suma de todos eles pode proporcionar unha boa situación económica. Se ademais estes ingresos se empregan en gastos destinados a aumentar a calidade de vida ou a lograr un ascenso social, é moi probábel que se consiga tanto unha cousa coma a outra.

      • Quero aclarar que as cantidades que aparecen na contestación anterior son suposicións, simples exemplos que se cadra non se corresponden nin sequera aproximadamente coa realidade. E iso é particularmente aplicábel á cantidade de 2.500 euros obtidos polos grelos.

        • Explicado correctamente e dou que é verdad que axudou a moitas familias.
          E tiña que axudar a moitas mais pero penso que está ainda moi infravalorado este producto.

Espaço público, Cultura, Política, Comunidade, Território, Pessoas

Elias J. Torres Feijó

Tenta trabalhar coletivamente e acha que o associativismo é a base fundamental do bom funcionamento social e comunitário. A educação nos Tempos Livres é um desses espaços que considera vitais. Profissionalmente, é professor de Literatura, em origem, e, mais, na atualidade, de Cultura.

Xoán Carlos Carreira Pérez

Doutor engenheiro agrónomo, professor de Engenharia Agroflorestal na Universidade de Santiago de Compostela. Autor de vários livros e artigos científicos, tem colaborado em diversos meios de comunicação, como A Nosa Terra, El Progreso, Vieiros e Praza Pública.

Xosé Manuel Sarille

Polemista e tamén escritor. Autor do ensaio "A Causa das Mulleres". A quen lle interese lelo pode solicitalo neste blog e enviaráselle ao enderezo correspondente sen custo ningún do exemplar nin do transporte.

Manuel Jordán Rodríguez

Lembrado e Querido Manuel Ánxel

Viva Cerzeda

Espaço público, Cultura, Política, Comunidade, Território, Pessoas… Viva Cerzeda é a comemoração, para nós, da amizade, do bom humor sempre que possível e de tentar contribuir com algumhas ideias e opiniões para entender(mos) e atuar(mos) do melhor modo o mundo… É ambicioso mas é-che o que há… e para mais não damos…

Contacta-nos aqui

Acompanha